A Banda do Bosque fai a súa última parada do inverno en Vigo
Hoxe, venres 2 de xaneiro, ‘Bibopalula · O Espectáculo’ remata a súa xira de inverno cunha última función no Teatro Afundación. Unha cita moi especial para despedir as aventuras dos nosos compañeiros Robin, Pegui, Merli e Carpin.

Chegou o momento de dicir ata logo… pero cunha gran festa final! Hoxe, 2 de xaneiro ás 17.30, o Teatro Afundación de Vigo acolle a derradeira función da xira de inverno de Bibopalula · O Espectáculo. Unha cita moi especial na que a Banda do Bosque pecha semanas de viaxe levando música, teatro e natureza a familias de toda Galicia.
Desde finais de novembro, Robin, Carpin, Pegui e Merli, xunto a Ava, percorreron distintos escenarios nunha xira que pasou por Pontevedra, Vilagarcía, Santiago de Compostela, A Coruña e que remata agora en Vigo. En cada parada, o bosque encheuse de cancións, risas e olladas curiosas dispostas a descubrir todo o que agocha a natureza.
Pensado para nenas e nenos de entre 2 e 6 anos, o espectáculo convida o público a acompañar a Ava, unha apaixonada observadora de aves, nunha aventura chea de descubrimentos arredor dos cambios meteorolóxicos, da amizade e do coidado do entorno. Todo a través dunha experiencia que mestura teatro, música e xogo, facendo que cada función sexa participativa e moi especial.
As entradas para a función de hoxe están dispoñibles na web oficial do espectáculo.
