Descarga a app de Bibopalula para ver máis xogos coma este!

A merendar en boa compañía!
Imaxina que os amigos da Banda do Bosque veñen de visita! Proba esta idea para convidalos a comer algo rico, se dan un paseo preto da túa casa.
Os merlos, as pegas, os picapaus e os paporroibos prefiren vivir no bosque, pero moitas veces podemos velos nas zonas verdes das cidades e dos pobos. Cantas veces lle deste de comer a unha ave no parque con restos da túa merenda?
As aves son moi importantes porque axudan a que as plantas medren, comen insectos e fan que a natureza estea saudable e fermosa. Non debemos darlles comida de persoas, como pan, galletas ou chuches, porque iso pode facerlles dano. Elas necesitan comer cousas que atopan na natureza: froitas pequenas, sementes e insectos.
Pide axuda a unha persoa adulta para facer un comedeiro para aves e colgalo na túa fiestra, balcón ou xardín.
O que necesitas:
- Unha botella de plástico baleira
- Unha tapa grande de plástico
- Un parafuso e unha porca
- Un pouco de corda
- Unhas tesoiras
- Palos de xeado (opcional)
Pasos:
- Lava a botella e a tapa.
- Fai pequenos buratos na parte de abaixo da botella para que saian as sementes.
- Fai un burato na tapa e na base da botella.
- Une a tapa e a botella co parafuso e a porca.
- Se queres, pon palos atravesados para que as aves se poñan.
- Fai un burato na tapa da botella e pasa a corda para colgala nun sitio seguro, onde non se molla nin lle dea o sol directo.
- Enche a botella con comida para aves.
- Podes poñer unha cunca con auga preto por se precisan beber.
Coidados:
- Lava o comedeiro e cambia as sementes con frecuencia para que non se estraguen.
- Coloca o comedeiro nun lugar á sombra e onde non se molle cando chova.
- Se tes un gato como mascota, asegúrate de que non poida saltar e atacar ás aves mentres comen.
Xa tes o comedeiro para aves listo: así axudas ás aves e podes velas de preto!
