No bosque de Bibopalula, a primavera non pasa desapercibida. Pegui e Merli senten máis enerxía, máis ganas de xogar, de explorar e, sobre todo, de cantar. É entón, cando chega Robin, consegue poñerlle nome ao que está pasando: é a primavera!
Para celebrala, a Banda do Bosque organiza a súa particular Festa da Primavera: xogos, froitos doces para compartir, paxariños cantando e, por suposto, música en cada recuncho. Incluso aparece un xogo novo, o pexegocesto.
Este ano, a festa esténdese máis aló do bosque. O mesmo 21 de marzo, o audiovisual galego tamén celebra: é o día da gala dos XXIV Premios Mestre Mateo, onde Bibopalula se converte nunha das protagonistas como finalista en Mellor Serie de Televisión e Mellor Música Orixinal. As 52 cancións da Banda do Bosque, creadas por Santi Jul e Iván Laxe, seguen a encher de ritmo e alegría cada episodio, reforzando a súa proposta pioneira de contidos infantís en galego.
Xogaremos ao pexegocesto tamén en Lugo?
Podedes ver como celebran a chegada da primavera no bosque no capítulo A festa da primavera, en Xabarin.gal

