Descarga a app de Bibopalula para ver máis xogos coma este!

Mola ver a néboa aínda que non vexas nada!
Aos amigos de Bibopalula encántalles ver a néboa, ata lle fixeron unha canción moi divertida. Pon as túas lentes de científico para facer este experimento e conseguir néboa na casa.
A néboa fórmase cando o aire húmido (aire que ten moita auga) se arrefría e o vapor de auga se converte en pequenas pingas que flotan no aire. Por iso, cando hai néboa parece que estamos dentro dunha nube e todo se ve borroso e húmido. Ás veces, pola noite ou pola mañá cedo, o chan e o aire arrefríanse porque non hai sol. Cando isto pasa, o vapor de auga transfórmase en pingas e aparece a néboa, que é como unha gran nube que está preto do chan. Este fenómeno é moi frecuente en Galicia, porque é unha zona húmida.
Agora, pon as túas lentes de científico e proba este experimento para facer néboa na casa:
Que necesitas:
- 1 vaso de cristal
- auga quente
- 1 coador
- cubos de xeo
Pasos:
- Con axuda dunha persoa adulta: enche o vaso con auga quente.
- Espera uns 30 segundos para que o vaso se quente ben.
- Baleira a metade da auga quente do vaso (tamén debe facelo unha persoa adulta).
- Coloca o coador enriba do vaso e pon os cubos de xeo no coador.
- Observa o que ocorre: verás como se forma unha “néboa” dentro do vaso, xusto debaixo do coador.
Por que ocorre isto?
A auga quente convértese en vapor (fume). Cando este vapor sobe e toca o aire frío que está preto dos xeos, arrefríase e transfórmase en pequenas pingas de auga que flotan no aire, formando a néboa.
É como se tiveras unha nube pequeniña na casa!
