Mira ao teu arredor e pensa en que te pareces ás persoas que tes preto e en que te diferencias delas. Sabes o que é a diversidade?
O de fóra tanto ten, o importante non se ve!

Todas as persoas somos diferentes: algunhas temos o pelo encaracolado, outras liso, outras non teñen pelo; algunhas somos altas, outras baixas; hai persoas delgadas e persoas grosas; temos diferentes cores de pel; vestímonos de moitas formas. Hai persoas que falan diferentes idiomas ou, incluso falando o mesmo idioma, pronuncian de maneira diferente ou usan palabras novas para referirse ao mesmo obxecto. Moitas persoas que están ao noso redor teñen costumes e gustos distintos: isto é a diversidade!
Carpin, Robin, Merli e Pegui atoparon un merlo branco. Polo xeral, os merlos son de cor negra, pero este é albino. O albinismo fai que algunhas persoas teñan a pel, o pelo e, ás veces, os ollos máis claros. Isto pasa porque o seu corpo produce pouca melanina, que é a substancia que lle dá cor á pel. Son persoas sas e capaces coma calquera outra; só precisan algúns coidados especiais para protexerse do sol e coidar a súa vista.
Aínda que sexamos diferentes, tamén temos moitas cousas en común: necesitamos amizades, queremos ser felices, gústanos que nos axuden e nos respecten tal e como somos. Grazas á diversidade o mundo é máis interesante e divertido. Cada persoa é especial. Interesarnos por elas e respectalas axúdanos a aprender cousas novas cada día.