Onde está a postal de Pombo?

Pombo perde unha das súas entregas… e a Banda do Bosque lánzase a axudalo sen imaxinar quen tiña a solución.

Bibopalula

Hoxe é un deses días nos que todo parece perfecto no bosque. Pero aínda que o sol brilla, o aire é suave e todo convida a xogar e pasalo ben… Pombo, o mensaxeiro, está triste. E non é para menos: volveu perder unha postal! Di que é o peor pombo mensaxeiro do mundo porque, aínda que non o queira admitir, sempre lle pasa o mesmo.

Cando a Banda do Bosque o escoita, non dubidan nin un segundo: póñense mans á obra para axudar ao seu amigo. Comeza entón unha busca por todo o bosque. Miran entre as árbores, nas pólas, no chan… pero a postal non aparece por ningún lado. Aínda así, seguen intentando animar a Pombo e atopar a postal perdida.

No medio da procura, aparece Pegui cun sorriso enorme. Quere contar algo moi importante, di que é o seu día de sorte! Pero os demais están tan concentrados en atopar a postal que non a escoitan e mesmo pensan que está sendo un pouco egoísta.

E ás veces pasa iso: cando estamos moi preocupados por algo, esquecemos escoitar aos demais, e iso tamén é moi importante!

A busca continúa, pero sen éxito. Ata que, de repente, Pegui volve aparecer. Esta vez, non vén só con palabras. Pegui atopou a Postal do señor Pombo! Grazas a ela, o mensaxeiro do bosuqe pode por fin facer a súa entrega. A destinataria é a Curuxa, que recibe unha postal moi especial da súa irmá Matilda, que vive, nada menos, que na catedral de Mondoñedo! E ademais, trae unha gran nova: pronto irá de visita.

A Curuxa queda feliz, e Pombo tamén. Porque recibir unha postal, é como recibir un pequeno agasallo.

Non perdades esta aventura no capítulo A postal de Bibopalula en Xabarin.gal.

Axustes de cookies

As cookies son pequenos arquivos de texto que se gardan no teu navegador cando visitas páxinas web. Esta páxina web emprega cookies propias e de terceiros, que podes permitir ou bloquear nas seguintes pestanas.