Descarga a app de Bibopalula para ver máis xogos coma este!

Xoguetes de xeo
Merli esqueceu a súa guitarra nunha noite nevada e, ao volver por ela, levou un disgusto: estaba conxelada.
Que se che conxele a guitarra por un descoido non mola nada, pero xogar co xeo en días calorosos pode ser moi divertido.
Cando conxelamos algo o que facemos é baixar moito a temperatura da auga. A temperaturas baixas a auga vólvese sólida, transformándose en xeo. Isto pasa porque ao chegar a 0 °C, as moléculas de auga móvense moi amodo e xúntanse formando cristais de xeo.
Este proceso tamén ocorre na natureza: cando fai moito frío no inverno, a auga dos charcos, dos ríos ou mesmo a chuvia que cae pode conxelarse e converterse en xeo ou neve. Como lle pasou á guitarra de Merli ao quedar á intemperie nunha noite nevada.
Porén, no verán ás veces fai tanto calor que desexarías meterte no conxelador. Ti non podes, pero algúns dos teus xoguetes si. Proba este divertido xogo.
Que necesitas:
- Recipientes pequenos (cubiteiras, vasos de plástico, botes pequenos)
- Auga
- Obxectos pequenos que poidas conxelar sen que se estraguen
- Conxelador
- Un recipiente con auga a temperatura ambiente
- Toallas ou panos para secar
Que facer:
- Escolle varios obxectos pequenos para conxelar (por exemplo: pequenas figuras de plástico, moedas, froitas pequenas).
- Enche os recipientes con auga e coloca dentro os obxectos.
- Pon os recipientes no conxelador e déixaos durante polo menos 3-4 horas ou ata que estean completamente conxelados.
- Saca os recipientes do conxelador.
- A desconxelar!
Podes organizar unha competición para desconxelar os obxectos no menor tempo posible. As persoas que participen deben descubrir como se desconxela o xeo antes.
Algunhas ideas para desconxelar os teus xoguetes: poñelos ao sol, mergullalos en auga a temperatura ambiente, frotalos con panos ou toallas, darlles pequenos golpes ou frotalos contra o chan.
