A Banda do Bosque lanza a súa nova panxoliña: Ninguén canta mal polo Nadal

A Banda do Bosque dálle a benvida ao inverno cunha canción moi especial: unha panxoliña alegre, musical e chea de espírito de Nadal titulada ‘Ninguén canta mal polo Nadal’. E si… tamén ten videoclip!

Un bosque cheo de música polo Nadal

No bosque de Bibopalula xa se escoitan as campás e as melodías suaves típicas do Nadal. E a nosa banda preferida… ten moitas ganas de cantar! Merli afinou o seu canto máis brillante, Pegui buscou unhas pólas que fan chin-chin, Carpin marcou o ritmo co seu peteiro carpinteiro… e Robin, como sempre, puxo a súa voz máis doce.

Así naceu Ninguén canta mal polo Nadal, a nova panxoliña da Banda do Bosque, que xa está dispoñible en todas as plataformas de audio e tamén ten a súa versión internacional: Christmas is here.

Unha canción para desfrutar xuntos

Composta por Andrés Mahía, Santi Jul e Iván Laxe, esta panxoliña mantén todo o espírito de Bibopalula: música accesible, ritmo luminoso e unha mensaxe moi importante para estas datas… No Nadal, o máis bonito é cantar xuntos! Non importa se desafinamos un pouquiño ou se nos equivocamos na letra: o máis especial é compartir o momento.

O lanzamento vén acompañado dun videoclip dirixido por Laura Mahía e Lucía Rodríguez Vaquero. Nel, a Banda do Bosque múdase a un escenario invernal: está cheo de neve! Ademais, o vídeo conta coa colaboración de Deleite, que sempre aposta por estas iniciativas para a cativada.

Podedes escoitar Ninguén canta mal polo Nadal (ou Christmas is here na súa versión en inglés) en todas as plataformas dixitais.

Axustes de cookies

As cookies son pequenos arquivos de texto que se gardan no teu navegador cando visitas páxinas web. Esta páxina web emprega cookies propias e de terceiros, que podes permitir ou bloquear nas seguintes pestanas.