A Banda do Bosque prepárase para o seu regreso aos escenarios

Robin, Carpin, Merli e Pegui xa están afiando voces, limpando peteiros e facendo as mochilas, porque… volven os espectáculos de ‘Bibopalula’!

A Banda regresa para dar a benvida ao frío con música, historias e moita maxia. Ava, a grande observadora de paxaros e guía de todas as aventuras, volverá acompañar as pequenas e pequenos espectadores nunha viaxe polo bosque, onde cada árbore agocha unha pista e cada canto desvela un misterio. Xunto a ela, Robin, Carpin, Merli e Pegui emprenden de novo a misión encargada polo Señor Moucho: atopar un tesouro escondido entre raíces, pólas e nubes. Un percorrido teatral que combina humor, tenrura e unha estética moi recoñecible para quen segue a súa historia.

A banda piará por primera vez no Culturgal, o 30 de novembro en Pontevedra, para seguir despois o seu camiño por Vilagarcía o 20 de decembro, A Coruña o 28 de decembro, e Vigo o 2 de xaneiro de 2026. Un pequeno percorrido invernal que pecha un ano de grande voo para Bibopalula.

O espectáculo, dirixido e escrito por Marta Lado, conta de novo coa interpretación de Lidia Veiga como Ava e co elenco formado por Cristina Andrade, Graciela Carlos, Sara Ferro e Nerea Rodríguez, que dan vida á Banda do Bosque. A peza inclúe as xa recoñecidas cancións dos paxariños con ritmos, brincadeiras e xogos que convidan a cantar e bailar.

Pensado para nenas e nenos de entre 2 e 6 anos, Bibopalula · O Espectáculo, consolídase como unha experiencia inmersiva que transforma o teatro nun bosque vivo e que permite á cativada seguir descubrindo o universo da Banda fóra da pantalla. As entradas para as funcións xa están dispoñibles!

Axustes de cookies

As cookies son pequenos arquivos de texto que se gardan no teu navegador cando visitas páxinas web. Esta páxina web emprega cookies propias e de terceiros, que podes permitir ou bloquear nas seguintes pestanas.