No bosque de Bibopalula hai días cheos de aventuras, e outros nos que simplemente toca inventar algo divertido para pasar o tempo. Nesta ocasión, a Banda do Bosque está entretida xogando cunha póla que lles serve de carriola. Un tras outro, van saltando sobre ela mentres os demais observan e poñen puntuación ás súas piruetas.
Carpin está especialmente emocionado. Ten tantas ganas de demostrar o que sabe facer que, cando lle chega a súa quenda, comeza a saltar cada vez máis rápido. Os seus amigos avísano de que vaia con coidado, pero el está tan concentrado nas súas acrobacias que non se decata do que está a piques de pasar.
De súpeto, crack! Sen querer, dálle un golpe á póla co peteiro e rompe pola metade a súa querida carriola.
Carpin ponse mans á obra e comeza a buscar outra póla para que os seus amigos poidan seguir xogando. Nun bosque cheo de árbores, seguro que non será difícil atopar outra. Pero… e se, en vez de buscar unha carriola nova, construísen algo aínda mellor?
Carpin é o mellor carpinteiro do bosque, así que non tarda en imaxinar unha solución. Co seu súper peteiro supersónico e a axuda dos seus amigos, ponse a traballar nun novo proxecto que podería converterse no xoguete máis divertido de todo o bosque. O seu propio bambán!
Conseguirán construílo?
Non perdades esta divertida aventura no capítulo A carriola de Bibopalula en Xabarin.gal.

