As cancións de ‘Bibopalula’, finalistas nos XXIV Premios Mestre Mateo

A música da Banda do Bosque volve soar forte, consolidando o percorrido de ‘Bibopalula’, un proxecto pioneiro que combina animación, natureza e cancións en galego.

No bosque de Bibopalula hai motivos para cantar e bailar! As cancións de Robin, Pegui, Merli e Carpin veñen de recibir unha noticia moi especial: son finalistas nos XXIV Premios Mestre Mateo, concorrendo na categoría de Mellor Serie de Televisión e Mellor Música Orixinal.

Cancións que nacen no bosque

Desde o primeiro día, a música foi unha parte fundamental de Bibopalula. Cada episodio remata cunha canción que acompaña as aventuras da Banda do Bosque mentres descobre a natureza, os seus cambios e os pequenos segredos que agocha.

Ao longo da serie, foron nacendo nada menos que 52 cancións orixinais, que forman parte do álbum A Banda do Bosque. Todas elas están dispoñibles para escoitar en plataformas como Spotify, YouTube ou Apple Music, para seguir cantando tamén fóra da pantalla. Ademais, a Banda preparou unha panxoliña moi especial este inverno: Ninguén canta mal polo Nadal.

As músicas están compostas por Santi JulIván Laxe, que conseguiron crear un universo sonoro cheo de ritmo, alegría e curiosidade, pensado especialmente para as máis pequenas e pequenos da casa.

Unha aventura que segue medrando

Este ano, Bibopalula é finalista en dúas categorías: Mellor Serie de Televisión e Mellor Música Orixinal. Un paso máis nun camiño que xa trouxo moitas alegrías, como o Premio Deleite á Promoción da Lingua, recibido o ano pasado polo seu compromiso co galego desde as primeiras idades.

A música da Banda do Bosque tamén deu o salto fóra de Galicia grazas a un acordo internacional con Animotion Media, que permitirá que as súas cancións cheguen a novos lugares e novas familias.

Agora só queda esperar á gran festa final: a gala dos Premios Mestre Mateo, que se celebrará o 21 de marzo en Lugo. Robin, Pegui, Merli e Carpin xa están afinando instrumentos…

E ti, xa tes unha canción favorita da Banda do Bosque?

Axustes de cookies

As cookies son pequenos arquivos de texto que se gardan no teu navegador cando visitas páxinas web. Esta páxina web emprega cookies propias e de terceiros, que podes permitir ou bloquear nas seguintes pestanas.