Así foi a presentación de Bibopalula

Decenas de familias encheron o auditorio do Pazo da Cultura de Pontevedra para vivir a estrea da primeira serie musical de animación en Galego. Proxectáronse dous capítulos, e houbo sorpresa final!

Unha das grandes citas no Culturgal deste ano estaba marcada na programación para o domingo ao mediodía, e as expectativas estaban máis que xustificadas. Era a estrea de Bibopalula, a serie chamada a marcar un antes e un despois na oferta de entretemento para as nenas e os nenos galegos de entre tres e cinco anos, na súa primeira aproximación as pantallas.

Xosé A. Touriñán conduciu o acto acompañado do Conselleiro de Cultura, Lingua e Xuventude, José López Campos, e da directora de AGalega.gal e Xabarin.gal, María Sabucedo. Máis de trescentas persoas estaban diante desexando ver os primeiros capítulos da serie. Foron dous os escollidos: A poza, que está entre os vinte que xa se poden ver en xabarin.gal, e A neve, que chegará a partir do 20 de decembro.

Cando remataron os episodios, aplausos para todo o equipo que fixo posible a chegada de Bibopalula as pantallas, moito confeti, e un agasallo final: á saída do auditorio agardaban pola cativada as frautas máis solicitadas de Galicia, o instrumento de Robin, un dos protagonista da serie, co que pon música aos grandes éxitos da Banda do Bosque.

Ao longo do día non faltaron as visitas ao stand de Bibopalula no Culturgal, antes de que nenas, nenos e maiores marcharan para ver os capítulos e comentalos con compañeiras e amigos ao día seguinte na escola.