No bosque de Bibopalula chegou unha noticia que fai cantar a todos os paxariños! Bibopalula · O Espectáculo, a aventura teatral da Banda do Bosque, foi nomeada finalista na categoría de Mellor espectáculo infantil nos Premios de Teatro María Casares, un dos recoñecementos máis importantes do teatro galego.
Nesta historia que salta do bosque ao escenario, Ava, a grande observadora de paxaros, guía a Robin, Carpin, Pegui e Merli nunha misión moi especial encargada polo Señor Moucho: atopar un misterioso tesouro agochado entre as árbores. Polo camiño haberá xogos, descubrimentos e moita música para cantar e bailar.
O espectáculo combina teatro, cancións, coreografías e moita imaxinación, creando unha experiencia pensada para que as nenas e nenos descubran o bosque dun xeito novo. Durante a aventura soan tamén algunhas das cancións máis queridas da Banda do Bosque, que acompañan cada momento da procura do tesouro.
Desde a súa estrea en 2025, Bibopalula · O Espectáculo percorreu diferentes teatros de Galicia con dúas xiras cheas de familias, risas e cancións compartidas. Agora, esta aventura recibe tamén o recoñecemento do mundo do teatro coa súa nominación nos Premios de Teatro María Casares.
Na categoría de Mellor espectáculo infantil, Bibopalula competirá xunto a Berenguela na gaiola, de Galeatro e Xarope Tulú; Coa cabeza nas nubes, de SÖA; e O libro da selva, o musical, de Ártika Cía.
A gala celebrarase o 8 de abril no Teatro Rosalía Castro da Coruña. Quen sabe… igual a Banda do Bosque tamén ten preparada algunha canción especial para ese día!

