Bibopalula estrea ‘A Tenda do Bosque’

Xa é posible mercar a través da web da serie algúns dos produtos da Banda do Bosque, como o conto infantil, a frauta de Robin ou a primeira liña de roupa cos personaxes máis queridos polas pequenas e pequenos espectadores.

A poucos días da chegada dos Reis Magos estréase ‘A Tenda do Bosque’, o comercio electrónico de Bibopalula, na que xa é posible mercar a primeira liña de roupa infantil da serie, a frauta de Robin, ou un dos lanzamentos máis agardados, o primeiro conto infantil da Banda do Bosque, escrito e debuxado polos creadores do proxecto.

Desde a tarde do 24 de decembro será posible adquirir todos os produtos a través da web, con garantía de entrega antes do día de Reis para todos os pedidos recibidos antes do venres 27 de decembro, ata esgotar existencias. Os paquetes poderán recollerse tamén a partir do luns de forma presencial nas oficinas de Undodez, a produtora de Bibopalula.

O conto da Banda do Bosque

Escrito por Andrés Mahía e ilustrado por Laura Mahía, a primeira edición do conto da Banda do Bosque é a primeira publicación da serie. Un libro de corenta páxinas editado con tapas duras, que conta como os protagonistas de Bibopalula se coñeceron e decidiron formar a súa coñecida formación musical. Pensado para nenas e nenos de 3 a 6 anos, é un dos grandes lanzamentos deste Nadal e chegará ás librarías en poucas semanas.

A primeira liña de roupa de Bibopalula

As máis pequenas e pequenos terán tamén ocasión de vestir cos deseños da Banda do Bosque desde este Nadal. A Tenda do Bosque lanza en exclusiva unha colección de dúas camisolas e dous suadoiros con algúns dos personaxes da serie, dispoñibles en talles de entre os 1 e 2 anos, ata os 7 e 8.