Entre árbores, niños e cancións, Bibopalula leva tempo convidando á cativada a descubrir o mundo que nos rodea cunha mirada curiosa e respectuosa. Nas aventuras de Robin, Carpin, Pegui e Merli, o bosque convértese nun lugar cheo de historias, xogos e aprendizaxes.
Ese espírito é precisamente o que recoñece este premio á sostibilidade: a capacidade da serie para integrar, dun xeito natural e divertido, valores como o coidado da natureza, a convivencia e a importancia de vivir en harmonía co entorno.
Ao longo das súas aventuras, a Banda do Bosque explora o seu fogar mentres canta, aprende e resolve pequenos retos. Cada episodio é tamén unha invitación a mirar con máis atención aquilo que nos rodea: as árbores, os animais, os sons do bosque e todo o que forma parte dese ecosistema no que viven.
Para os protagonistas de Bibopalula, a natureza non é só un escenario: é un lugar que cómpre coñecer, respectar e protexer. E se ademais poden convertelo nunha festa mentres cantan e bailan… mellor que mellor!
Robin, Carpin, Pegui e Merli, seguen coas súas aventuras entre pólas e melodías de camiño a Lugo, porque ás veces, as mellores historias nacen nun pequeno recuncho do bosque… e acaban chegando moi lonxe.

