Estréase Bibopalula: a primeira serie musical de animación en galego

A natureza e a música son as protagonistas desta ambiciosa aposta polos contidos infantís na nosa lingua, que xa se pode ver nas canles do Xabarín.

As primeiras vinte aventuras da Banda do Bosque xa están en xabarin.gal e na aplicación do Xabarín. Desde o pasado venres as cativas e cativos poden desfrutar da primeira serie musical de animación en lingua galega a través da plataforma dixital de entretemento dos medios públicos.

Robin, Carpin, Pegui e Merli son o grupo de paxaros protagonistas desta produción da produtora galega Undodez e a Televisión de Galicia, que conta co apoio da Xunta de Galicia, pensada para espectadores de 3 a 5 anos.

Os vinte episodios cos que Bibopalula chega ás pantallas de Xabarín completaranse con outros trinta e cinco nos próximos meses, nunha primeira temporada que permitirá ás pequenas e pequenos espectadores aprender sobre o medio natural.

A música, a gran protagonista

A gran novidade que trae Bibopalula á oferta de contidos infantís en lingua galega é sen dúbida a música: cada un dos episodios conta cun tema musical orixinal, composto por Santi Jul e Iván Laxe, que acompaña o videoclip co que remata cada unha das historias.