Moi pronto ofreceremos novas alternativas para gozar de Bibopalula. Pero mentres seguimos traballando para transformar este proxecto en formatos variados e innovadores, propoñémosche diferentes formas de achegar a Banda do Bosque ao día a día da cativada. Porque Bibopalula é moito máis que unha serie musical, é unha invitación a explorar, imaxinar e aprender.
Na nosa web atoparás opcións interesantes e divertidas. Por exemplo, por que non cantar as cancións da serie no coche camiño ao cole? Así, as mañás serán moito máis alegres! Tamén podes levar camisolas e suadoiros cos protagonistas da Banda do Bosque. Se todas as amigas e amigos os levan á vez, poderán crear a súa propia banda. Ademais, co conto de Bibopalula, poderedes pasar momentos especiais en familia, lendo xuntos ou deixando que as máis pequenas e pequenos inventen as súas propias historias cos debuxos e as cores da serie. E para os amantes da música, que tal tocar a frauta de Robin e ofrecer o voso propio concerto?
Se seguimos pola liña musical, podemos propoñer actividades moi creativas, como inventar novas cancións inspiradas nas aventuras do día a día, igual que fan Robin, Merli, Pegui e Carpin. E para acompañar, podes fabricar instrumentos musicais con materiais reciclados. Aínda que non sexan tan bonitos como os que fai Carpin co seu peteiro, non te preocupes, non precisas ser un músico profesional para pasalo ben. Cando teñas todo isto preparado, podes organizar actuacións en familia, cantando, tocando e bailando!
Outra proposta moi sinxela é observar ao teu arredor e intentar identificar as especies de paxaros que conviven connosco. Quizais descubras algún dos amigos da Banda do Bosque apoiado na túa fiestra! Finalmente, usando toda a nosa imaxinación, imita a Robin e aos seus amigos, deítate no campo e busca formas nas nubes. Iso si, asegúrate de que sexan cúmulos, ou poderías pasar horas mirando ao ceo sen atopar nada.