No bosque de Bibopalula, voar forma parte da vida cotiá. Robin, Pegui, Merli e Carpin pasan os días cruzando o ceo, facendo piruetas e dando voltas e voltas.
A Señora Cegoña aparece cunha preocupación importante. A súa filla pequena aínda non se atreveu a voar. Mentres os seus irmáns xa abandonaron o niño hai días, ela segue no alto do campanario, demasiado asustada para dar o salto.
A Banda do Bosque acode de inmediato para axudala. Todos saben que aprender algo novo pode dar medo. Antes de voar, eles tamén tiveron que intentalo por primeira vez. E pasa cunha chea de cousas! Montar en bicicleta, nadar ou facer amigos tamén son cousas que ás veces parecen difíciles antes de comezar.
Coa pequena cegoña agochada no niño e os ollos ben pechados, os amigos deciden recorrer ao que mellor saben facer: a música. Cando as palabras non chegan, unha canción pode dar a confianza que fai falta para atreverse.
Conseguirá a pequena cegoña vencer os seus medos e lanzar o seu primeiro voo?
Non perdades esta emocionante aventura no capítulo A primeira vez de Bibopalula en Xabarin.gal.

