Os paxaros da Banda descobren a forza do vento nun furacán e pásano ben voando. Pero ollo! Poden caer pólas, mellor escoitar a Robin e protexerse.
O vento mais ventoso: moito máis forte ca un oso!

Un furacán é unha tormenta moi forte que se forma no mar. Especialmente nas zonas onde a auga está quente, como no mar Caribe. Os furacáns teñen ventos moi rápidos que xiran en círculos e poden traer moita choiva e causar danos.
Como se forma?
- A auga quente do mar evapórase e sobe ao ceo.
- Ese vapor de auga xúntase co aire e forma nubes grandes e pesadas.
- Se hai moitas tormentas xuntas e o vento sopra en diferentes direccións, a tormenta empeza a xirar e a medrar cada vez máis.
- Cando a tormenta é moi grande e os ventos sopran a máis de 120 km/h, convértese nun furacán.
En Galicia, o máis común son as borrascas moi fortes; ás veces chamadas “borrascas furacanadas”. Poden traer ventos moi rápidos e moita choiva. Exemplos famosos foron as tormentas Hortensia en 1984 e Klaus en 2009; que causaron moitos danos. As persoas adultas lembrarano, pídelles que che conten como o viviron.
Aínda que en Galicia os furacáns non chegan como no Caribe, é importante saber como protexerse ante tormentas fortes:
- Preparar a casa: Gardar cousas do xardín que poidan saír voando, como bicicletas, macetas ou mobles.
- Protexer fiestras e portas: Pódense poñer táboas de madeira para que non se rompan co vento.
- Ter un kit de emerxencia: Auga, lanternas, radio, comida enlatada, pilas, cargadores portátiles e un botiquín.
- Estar atentos ás noticias: Escoitar a radio ou ver a televisión para saber se hai que quedar na casa ou saír a un lugar máis seguro.
- Ter un plan familiar: Saber onde reunirse se se separan e como axudar aos animais o persoas que o precisen.
bibopalula:///mirar/detalle/535