Onde está miña voz?

Merli quedou sen voz. Descubre que remedio natural lle recomendou o señor Moucho para recuperala e seguir cantando.

Cando quedamos afónicos significa que perdemos a voz ou que nos sae moi baixiña e rara. Isto pasa porque as cordas vocais, que están na gorxa e nos axudan a falar, poden irritarse ou inflamarse. Ás veces ocorre se:

  • Gritamos moito ou falamos moi forte durante moito tempo.
  • Temos un arrefriado, gripe ou larinxite; que son enfermidades que afectan á gorxa.
  • Bebemos ou comemos cousas moi frías cando a gorxa está sensible.

Que facer se quedas afónico?

  • Descansa a voz: fala o menos posible e non grites.
  • Bebe auga: manter a gorxa hidratada axuda a que se cure antes.
  • Non tomes bebidas frías nin xeados.
  • Abrígate o pescozo cun pano para mantelo quentiño.
  • Se che doe moito ou non melloras, hai que ir ao médico.

Por que a mel pode axudar?
A mel é un remedio natural que pode calmar a gorxa irritada:

  • Alivia a dor porque é suave, pegaxosa e quente. Cubre a gorxa coma se fose un “abrigo”.
  • Ten propiedades antibacterianas, o que significa que axuda a loitar contra algunhas enfermidades.

Curiosidades sobre a mel:

  • A mel prodúcese a partir do néctar das flores. Cada abella fai entre 10 e 15 voos diarios, percorrendo ata 100 km para levar o néctar á colmea.
  • A mel non ten data de caducidade, pode conservarse moito tempo sen estragarse.
  • A cor da mel cambia segundo as flores: pode ser clara como a de acacia ou máis escura e avermellada como a de castiñeiro ou queiroga.
  • Ademais de ser doce e rica, a mel utilizouse desde hai milleiros de anos como medicina natural.

Así que, se quedas afónico, coida a túa gorxa e a mel pode ser unha boa axuda para sentirte mellor!

Axustes de cookies

As cookies son pequenos arquivos de texto que se gardan no teu navegador cando visitas páxinas web. Esta páxina web emprega cookies propias e de terceiros, que podes permitir ou bloquear nas seguintes pestanas.