Pegui, a pega máis elegante do bosque

Sempre ben informada, con moito estilo e unha opinión para todo, Pegui é a ave máis curiosa da Banda do Bosque. No seu niño todo está no seu sitio… e no bosque tampouco se lle escapa nada.

No bosque de Bibopalula hai alguén que sempre sabe o que está pasando. Se aparece unha novidade, un plan ou unha boa historia, seguro que Pegui, a pega da Banda do Bosque, xa o sabe… e probablemente tamén teña algo que dicir ao respecto.

Pegui é curiosa, culta e moi observadora. Gústalle estar ao tanto de todo o que acontece entre as árbores, e tamén manter o seu niño impecable: para ela, a organización e o estilo son cousas moi importantes. De feito, é quen ten a casa máis bonita e ordenada de todo o bosque.

Pero este pequeno paxaro non só se fixa nos detalles. Tamén ten un gusto moi especial pola beleza da natureza: ás veces queda abraiada co brillo das follas ao sol, coas cores das flores, co son do vento… Pero tamén consigo mesma! Comprobando que as súas plumas azuis estén sempre a punto para lucilas. É que o estilo tamén é moi importante cando formas parte dunha banda.

E, por suposto, Pegui está convencida dunha cousa: canta marabillosamente. Quizais os seus amigos teñan outras opinións… pero ela non ten ningunha dúbida.

Unha ave moi intelixente

As pegas son das aves máis sorprendentes do bosque. Forman parte da familia dos corvos e son coñecidas pola súa gran intelixencia. Ademais, teñen habilidades moi curiosas:

  • Son das poucas aves do mundo capaces de recoñecerse nun espello.
  • Teñen unha memoria excelente, polo que lembran durante moito tempo os lugares, os obxectos e tamén aos seus veciños.
  • Son grandes construtoras de niños, que adoitan facer con paus, musgo e lama, creando auténticas pequenas casas entre as pólas.
  • Ademais, son moi curiosas: se algo brilla ou chama a atención, alí estará unha pega investigando.

Así que se algunha vez vedes unha pega observándoo todo desde unha póla, moi atenta ao que pasa arredor… pode que sexa Pegui, tomando nota para non perder detalle das cousas que suceden no bosque.

Axustes de cookies

As cookies son pequenos arquivos de texto que se gardan no teu navegador cando visitas páxinas web. Esta páxina web emprega cookies propias e de terceiros, que podes permitir ou bloquear nas seguintes pestanas.