No bosque de Bibopalula sempre hai alguén que está atento a todo o que pasa. Se escoitades un ‘ten coidado!’ entre as pólas ou vedes a alguén curioseando por aí, seguramente sexa Robin, o paporroibo da Banda do Bosque.
Robin é curioso e moi espelido, pero tamén prudente. Gústalle explorar e descubrir cousas novas, aínda que sempre con sentidiño. Cando os seus amigos se emocionan de máis (algo bastante habitual entre os paxariños da Banda do Bosque), el é quen de poñer un pouco de orde.
Sempre está propoñendo ideas e reflexionando sobre as cousas que pasan. E cando aparece unha dúbida importante, teno claro: o mellor é ir consultar ao Señor Moucho, o máis sabio do bosque.
A amizade é unha das cousas máis importantes para el. Encántalle compartir tempo coa banda, acompañar aos seus amigos e asegurarse de que todo vai ben.






